O Festival de Música NocedaRock agromou en Noceda (Lalín) no ano 1998 como un berro de expresión propia. Tras un tempo de silencio, no 2018, o festival rexurdiu con forza da man da Asociación Cultural Bolarqueira.
A CARBALLEIRA DE LAMAS: O NOSO ESCENARIO NATURAL
Nesta nova xeira, o festival aséntase na Carballeira de Lamas, unha contorna que condensa a esencia da nosa paisaxe: o rego de Lamas, a capela e os muíños . Non é só un espazo, é unha paraxe marabillosa que reivindica a beleza e a vixencia do noso patrimonio natural.
IDENTIDADE
O NocedaRock non é un evento comercial máis; é feito dende a base . A través de dúas xornadas de cultura viva, con acceso libre e gratuíto.
É un festival que pon en valor a aldea e o rural, demostrando que son idóneos para converterse nun espazo musical de referencia. Ademais, coa súa organización e na súa programación promóvense valores coma: a igualdade de xénero, a promoción da lingua, a cultura e a música galega, a conservación e protección do noso medio natural, a tolerancia, a inclusión, a solidariedade, o empoderamento da muller, a dinamización do rural e a participación activa cidadá.
No NocedaRock, o orgullo pola nosa cultura, a nosa música e a protección do medio natural fúndense nun proxecto colectivo que aposta pola dinamización do rural .
