Noceda é unha parroquia do concello de Lalín na comarca de Deza, formada polas aldeas de Lamas, Vilar do Xestal, A Toxiña, Noceda de Abaixo, Sonxil, Golmar e Eirixe. Linda coas parroquias de Anzo, Madriñán, Méixome, Bendoiro, Prado e Santiso.
Dentro dos seus lindes, transcorren o río Deza e os regatos de Faquintas e de Lamas.
A súa altitude media é de 440 metros.
Noceda é un fito-topónimo que fai referencia á abundancia de nogueiras, unha paraxe conformada tamén por agros, carballeiras e terras de cultivo. Destacamos que a primeira mención da parroquia co nome actual consta no ano 952, nunha doazón de documentos por Elvira Alvítez ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Ás veciñas e veciños de Noceda denomínaselles “bolarqueiras e bolarqueiros” en referencia a aquelas castañas que están focas “bolercas”.
